© Todos los derechos reservados
O Maio
Ahí ven o maio
de flores cuberto…
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
e os puchos furados
pra min extendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.
Pasai, rapaciños,
calados e quedos,
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvo-lo pobre
do pobo galego:
pra min non hai maio.
¡pra min sempre é inverno!
Cando eu me atopare
de donos liberto
e o pan non mo quiten
trabucos e préstamos,
e como os do abade
florezan meus eidos,
chegado habrá entonces
o maio que eu quero.
¿Queredes castañas
dos meus castiñeiros…?
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos,
un maio sin segas
usuras nin preitos,
sin quintas nin portas,
nin foros nin cregos.
Curros Enríquez
Ver más información de B. López