M.ª Antonia Dans naceu na localidade coruñesa de Oza dos Ríos, aínda que sendo moi nena foi levada a Curtis, a onde se trasladou toda a familia por negocios paternos. Estes anos de xuventude que pasa no medio rural do interior de Galicia están marcados polas sensacións, as cores e as experiencias xuvenís vividas entre as carballeiras e os pastos, que inflúen sobre a personalidade da pintora e especialmente na súa traxectoria artística. De feito nunca deixará de estar vinculada a esta terra, ata o punto de voltar con regularidade, tal como fixo ao longo de toda a súa vida. Aínda que orgullosa destas orixes, isto non impediu que María Antonia fose unha muller adiantada ao seu tempo, capaz de asumir o reto dunha modernidade e unha independencia que a penas se lle permitía a unha muller no panorama da posguerra española.
Non será ata os dezasete anos cando empece a interesarse polas cuestións artísticas. Na Coruña é onde recibe as primeiras leccións da man dunha notable debuxante case esquecida, Lolita Díaz Baliño, quen a encamiña na profesión que dará sentido á súa vida. Agora comeza tamén os seus primeiros tenteos profesionais nesta cidade, expoñendo acuarelas e alugando o seu propio estudio ata que, tras a súa voda en 1952, se traslada a Madrid, onde vai residir xa de xeito definitivo, o que alterna con exposicións e tempadas en Galicia. Este traslado, que supuxo un novo período de contactos e amizades co mundo artístico madrileño, non a vai afastar dunha temática profundamente enraizada en Galicia, nas imaxes da súa campiña e o casarío, das labouras do campo e das pequenas tendas da aldea: dunha paisaxe e duns paisanos que se insiren na natureza e que é tratado como unha máis das formas naturais. Non é casual que un dos pintores que máis lle interesen ao chegar a Madrid sexa Benjamín Palencia, paisaxista da Escola de Madrid, onde viña practicando dende a época de preguerra o sentimento profundo da xeografía castelá, cunha mirada esencial e sen concesións, que vai influír nas novas xeracións de artistas españois. M.ª Antonia loita en Madrid por conseguir un nome. Mergullada neste contexto artístico protagonizado nos anos cincuenta pola abstracción que significou a bandeira da modernidade para as novas xeracións, ela opta por un tipo de pintura figurativa e paisaxística. Un estilo que ten como referencia a súa singular mirada inxenua impregnada dun colorismo de ecos fauvistas, que é recoñecida dende época temperá polos mellores críticos madrileños. Dende entón, a súa lista de exposicións, bolsas e premios será extensa.
Da obra de María Antonia Dans, que acada a súa plenitude na década dos setenta, chama a atención precisamente a intensidade do seu cromatismo, o puro soporte debuxístico dos seus cadros cunha elementalidade formal un tanto naif e primitiva. As súas representacións son apracibles, sen loitas nin dramatismos, expresivas dun mundo repintado con alegres cores no que as cousas expresan unha vida pracenteira e feliz por medio da súa aparencia inxenua e colorista. Nestes temas, o mesmo que nos seus cadros de flores, as liñas orquestran e encadean os planos de cor e, máis que debuxar os obxectos, parecen organizar a tea. Nas formas sucintas dos lenzos e nas súas perspectivas aplanadas predomina a forza dos matices de luces e cores, cos que consegue un poder de suxestión; reflexo, sobre todo, da expresión vivencial desta pintora galega.
Autora da biobibliografia: María Luisa Sobrino Manzanares